"É necesario que o empresariado perda o medo a contratar xente con discapacidade"

"É necesario que o empresariado perda o medo a contratar xente con discapacidade"

Imprimir Email
(0 votos)

Cada 21 de marzo, cando se conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down, recordamos a importancia de establecer políticas de RSE que teñan en conta a inclusión laboral do colectivo. A contratación de persoas con discapacidade contribúe á xestión da diversidade e aporta un enfoque de innovación social. Falamos con Manuel Pérez Cabo, vicepresidente de Down Galicia, sobre o traballo da entidade na integración das persoas usuarias.

O lema do acto conmemorativo que terá lugar en Pontevedra dinos que "Incluír é construír". Queda moito por facer para que sociedade en xeral e empresariado en particular se dean conta da necesidade de inclusión do colectivo?

Nos últimos anos avanzouse bastante en materia de inclusión, pero queda aínda moito por facer. As cifras de paro do colectivo de persoas con discapacidade son alarmantes e ten que ser toda a sociedade a que tome conciencia desta problemática. Gústanos dicir que “incluír é construír” porque a inclusión é a base dunha sociedade máis integradora, máis democrática e, en definitiva, menos individualista. Facela posible está na man de cada quen.

Grazas ao seu programa de emprego en 2016 un total de 127 persoas conseguiron un contrato de traballo, cifra que aumenta con respecto ao ano anterior. Pode darnos datos por provincias?

Neste tipo de análise podemos observar datos moi dispares entre zonas debido á concentración de empresas en Vigo e A Coruña. Deste xeito, na provincia da Coruña contaron cunha oportunidade laboral 42 persoas, 7 na de Lugo, 12 na de Ourense e 66 na de Pontevedra. Foron moitas as empresas que colaboraron con Down Galicia neste período, o cal pon de manifesto o interese que está a suscitar a metodoloxía de Emprego con Apoio no tecido empresarial galego.

Cales foron os sectores económicos de maior inserción laboral para o colectivo?

Desde o inicio do noso programa de emprego, alá polo 2002, o sector servizos é no que as persoas usuarias das nosas entidades atoparon máis oportunidades laborais. Por un lado, é neste eido no que hai unha maior oferta para calquera persoa demandante de emprego. Por outro lado, a formación relacionada con este sector é máis abundante e máis accesible na maioría das cidades nas que a Federación Down Galicia e as súas entidades membro teñen centros de traballo. 

Por poñer algúns exemplos concretos, no pasado 2016 algunhas das 127 persoas que citabamos anteriormente puideron adquirir experiencia en postos tan variados como presentador dun programa de televisión, auxiliar de masaxista, recepcionista, celador, repoñedor ou auxiliar administrativo, entre moitos outros.

Un total de 429 persoas acudirán en abril ás primeiras oposicións da Xunta de Galicia que se realizan exclusivamente para persoas con discapacidade intelectual. A vosa entidade colabora neste proceso. De que forma o fai?

Por un lado, Down Galicia acompaña á persoa usuaria e á súa familia durante todo o proceso, desde o momento inicial no que decide inscribirse nestas convocatorias públicas ata o propio momento do exame. A nosa filosofía é apoialos en todo o que precisen para que o proceso sexa o máis satisfactorio posible. Ademais, en todos os nosos centros de traballo se están a levar a cabo sesións formativas e de apoio. O principal obxectivo é garantir a adquisición e mellora das competencias necesarias para presentarse a un proceso de oposición que mellore as posibilidades de adaptación persoal ao proceso selectivo, así coma da súa superación con éxito.

Por outro lado, a Federación Down Galicia ten asinados coa Xunta de Galicia dous convenios de colaboración neste senso, un coa Consellería de Facenda e outro coa Consellería de Sanidade. Estes acordos teñen por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre estas Consellerías e Down Galicia para o desenvolvemento de actividades que teñan por finalidade facilitar a adaptación e o desenvolvemento das funcións nos postos de traballo das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual que pasen a prestar servizos na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Falabamos hai un ano destas oposicións e diciamos que a implicación real debe vir cando as persoas se incorporen ao seu posto de traballo. En que sentido pode facelo a Administración e o resto do persoal?

Un traballo na Administración non dista do que se pode levar a cabo nunha empresa privada, polo que os esforzos deben de ser a nivel xeral. A sociedade no seu conxunto debe superar os medos que lles xera a incorporación laboral dunha persoa con discapacidade intelectual. Uns medos que soamente desaparecerán coa experiencia. Por iso é tan necesario contar con oportunidades laborais. Tratar aos traballadores e traballadoras con discapacidade intelectual coma un empregado máis facilitará moito a súa inclusión e conseguirá que o ambiente de traballo sexa máis satisfactorio.

A Administración ten que dar exemplo e as empresas, nunha das súas vertentes de RSE, tamén deberían contemplar a contratación de persoas con discapacidade. Que exemplos pode destacar Down Galicia neste sentido? 

Non queremos destacar ningún caso sobre outro porque calquera contratación é de vital importancia para as persoas contratadas pero queremos destacar, iso si, o elevado número de contratacións indefinidas vixentes no 2016. E é que xa son 59 as persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual do programa de emprego das entidades Down en Galicia as que gozan da tranquilidade que outorga este tipo de contrato grazas ao seu bo facer nos seus postos de traballo. 

Nun día coma hoxe, que mensaxe lanzan desde a entidade para concienciar ás empresas na necesidade de incluír persoas coa síndrome de Down?

Como xa dixemos, é necesario que o empresariado perda o medo a contratar xente con discapacidade. Unha vez se lles dá a oportunidade, demostran que  poden desenvolver as súas tarefas de igual modo que os demais. A participación e a cada vez maior presenza das persoas coa síndrome de Down nas empresas ordinarias contribúen de xeito eficaz a desterrar os tópicos que tradicionalmente se lles atribúen ao colectivo, resultando un xeito sumamente eficaz de inclusión social.