A Xunta de Galicia poñerá en marcha o I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade

A Xunta de Galicia poñerá en marcha o I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade

Imprimir Email
(0 votos)

Con motivo da celebración o pasado 8 de marzo do Día Internacional da Muller, o Goberno galego lembrou na súa declaración institucional que a vida económica, e en particular o mundo laboral, é un dos ámbitos fundamentais para a promoción da igualdade entre homes e mulleres. Ademais, o texto fai fincapé en que "a desigual repartición entre os xéneros das responsabilidades familiares e do fogar constitúe un dos principais obstáculos para a participación plena das mulleres no mercado laboral". 

Durante a clausura da xornada "Lider-a, avanzando en igualdade" que a Secretaría Xeral de Igualdade celebrou o pasado 7 de marzo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que este mes de marzo quedará aprobado o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020. Este plan, ademais de integrar o principio de igualdade nas políticas e accións do Goberno, establece cinco áreas estratéxicas para a igualdade: educación e valores, emprego e innovación, participación, liderado e calidade de vida. Neste mesmo mes, Galicia tamén ser converterá na primeira comunidade en aprobar o decreto para regular a formación en materia de igualdade e violencia de xénero do persoal da Xunta.

Así mesmo, o presidente da Xunta tamén anunciou a posta en marcha nesta lexislatura do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade, co obxectivo de repartir as tarefas e que mulleres e homes gocen e exerzan os mesmos dereitos e responsabilidades. Este plan é un paso máis que reforzará as axudas anuais que se veñen convocando para que os homes reduzan a súa xornada laboral para o coidado de fillos menores de tres anos, as axudas para a conciliación destinadas a concellos e a Liña Concilia para o fomento do emprego e o emprendemento feminino.

Aposta polos plans de igualdade

Un dos obxectivos da Axenda 20 para o Emprego é acadar que as mulleres galegas ocupen o lugar que lles corresponde no mercado laboral. Para iso, a Secretaría Xeral de Emprego está traballando na elaboración dun Plan de Emprego Feminino, ao tempo que está potenciando os plans de igualdade e reforzando a colaboración coa Inspección de Traballo para actuar contra a discriminación de xénero.

A Secretaría Xeral de Emprego concedeu o pasado ano más de 500.000 euros en axudas á elaboración e implantación de plans de igualdade e á conciliación. Este ano publicaranse de novo estas axudas, promovendo en concreto a certificación dos plans de igualdade das empresas galegas, para os que o Goberno galego incrementou o orzamento nun 27%, así como incentivos para a adopción de acordos nas empresas para fomentar o teletraballo e a flexibilidade.

 

 


Xunta de Galicia
Turismo de Galicia