"En 2017 seguiremos concienciando ás empresas e á sociedade de que a RSE é un valor engadido", Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego

Imprimir Email
(0 votos)

A Consellería de Economía, Emprego e Industria fixo unha forte aposta pola RSE ao longo de 2016. Neste tempo outorgáronse os primeiros Premios RSE Galicia, aprobáronse importantes axudas á igualdade e a conciliación, creouse o programa Responsabilízate para o asesoramento en RSE, elaboráronse guías sectoriais e organizáronse numerosas xornadas para concienciar ao tecido empresarial da importancia dunha xestión responsable.

Todas estas actuacións debuxan o panorama da RSE en Galicia en 2016. Facemos balance e poñemos xa a vista en 2017 con Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego.

O motivo desta entrevista é facer un balance das accións para impulsar a responsabilidade social levadas a cabo pola Xunta de Galicia ao longo do 2016. Como valora este ano para a RSE galega?

Foi, sen dúbida, un ano de avances positivos. En xaneiro entregamos por primeira vez os Premios RSE Galicia, recoñecendo o labor de nove empresas de distintos tamaños e sectores nos eidos ambiental, económico e social. Trátase duns premios con moito valor desde o punto de vista da difusión, xa que permiten visibilizar o esforzo que levan a cabo as empresas galegas, serven de exemplo e axudan a sensibilizar ao empresariado galego sobre a importancia da incorporación á RSE na súa xestión. 

En concreto, centramos a atención nas micropemes, pequenas e medianas empresas, peza clave na realidade galega, polo que queremos que medren economicamente e en valores. Desde a Xunta de Galicia ofrecémoslles axudas para implantar a RSE, a través de axudas para a conciliación e igualdade como con programas formativos e de asesoramento como é o caso de Responsabilízate.

A Axenda 20 para o Emprego promove o emprego de calidade. Como responsable da área, pode darnos a súa opinión de como contribúe a RSE na consecución do mesmo?

Con moito, as empresas que integran estratexias de RSE na xestión do seu negocio garanten un emprego de calidade a través de plans de formación, programas de conciliación para o persoal e plans de igualdade.

Neste contexto son fundamentais dous conceptos: o respecto dos dereitos dos traballadores e a redución da sinistralidade laboral grazas, en grande medida, á realización de prácticas que superan as mínimas legais. 

No verán publicáronse axudas para implantar a RSE nas pemes galegas, en concreto, para fomentar a conciliación, a igualdade e o teletraballo. É este eido un aspecto estratéxico para a Secretaría Xeral de Emprego?

Estas axudas, que volveremos a publicar o vindeiro ano, reflicten a grande aposta que este Goberno fai pola RSE. 

As tres liñas de axudas inclúen, en primeiro lugar, a obtención de certificacións de normas ou estándares de RSE para que as pemes galegas se certifiquen de xeito oficial. En segundo lugar, outorgamos axudas para elaborar e implantar plans de igualdade. E, por último, incentivamos os contratos de teletraballo, axudando a implementar medidas de flexibilidade e á adquisición da tecnoloxía necesaria.

O programa Responsabilízate, que tamén naceu este ano, evidencia o obxectivo do Goberno galego de querer implantar a RSE no tecido empresarial. En breve coñeceremos as empresas admitidas. Que beneficios obterán tras a participación neste programa?

Responsabilízate é un programa que, de forma totalmente gratuíta, achegará a xestión responsable a máis de cen empresas de toda Galicia que, nunha primeira fase, serán diagnosticadas para identificar as súas debilidades e fortalezas na materia. A continuación, recibirán un asesoramento por parte de expertos e formación.

As empresas que conten con maior potencialidade en RSE pasarán á seguinte fase para definir un plan de acción personalizado que irá acompañado da implantación das primeiras medidas. 

Destacaría como beneficios, ademais da oportunidade de formarse na materia, a consecución dunha empresa máis eficiente, competitiva e rendible tras a aplicación das medidas do plan de acción de RSE. 

De xeito equivocado, o empresariado pensa na RSE coma un  gasto, cando en todo caso é un investimento. Que lle diría para convencelo das virtudes dunha xestión responsable?

Efectivamente, a RSE é un investimento, posto que todas as medidas tomadas con respecto ao medio, á sociedade ou mesmo ao persoal contribuirán, a medio e longo prazo, á obtención de mellores resultados. 

Temos exemplos moi evidentes en aforro enerxético e innovación, ou na mellora do ambiente de traballo e a produtividade grazas á implantación de medidas de conciliación e flexibilidade. 

Cómpre destacar tamén a tendencia da Administración de puntuar a responsabilidade social empresarial nos contratos públicos, apostando e impulsando ás empresas galegas socialmente responsables.

O pasado mes de novembro, a iniciativa da Consellería "Xeración Responsable" foi unha das elixidas por Forética para participar na campaña Enterprise 2020. Como xurdiu esta idea e que metas persigue?

A Consellería xa colaborou na anterior campaña de Enterprise 2020 mostrando o seu compromiso co emprego da mocidade. Nesta ocasión, presentamos "Xeración Responsable", un proxecto que consiste nunha plataforma que combina sesións online e presenciais con contidos deseñados para os máis novos. 

O obxectivo desta iniciativa é que a mocidade integre os valores da responsabilidade social empresarial, que logo transmitirán de forma natural ao mercado de traballo.

Comezaremos o vindeiro ano coñecendo os gañadores dos Premios RSE Galicia 2016. Pode adiantarnos algún aspecto e valorar a calidade das candidaturas presentadas?

O xurado vai a valorar polo miúdo todas as candidaturas , e teño que dicir que son todas moi interesantes. 

Temos que destacar que nesta segunda edición a implicación do tecido empresarial foi maior e abarca tódalas áreas. As nosas empresas están a esforzarse, cada vez máis, por lograr un equilibrio entre a obtención de resultados e o compromiso nos eidos social, ambiental, económico e de fomento da igualdade e da conciliación. 

No ano que entra tamén se activará o novo Plan estratéxico galego de RSE. Como abordará o compromiso da Xunta de Galicia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable?

A activación da nova Estratexia de RSE 2016-2020 está enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, a guía en materia laboral da Xunta que reforza a atención aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un traballo, aspecto prioritario dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU. 

En xeral, estes obxectivos forman parte da política do Goberno galego, cuxa meta é mellorar o benestar social dos cidadáns. Por iso promovemos medidas encamiñadas a unha educación de calidade, igualdade de xénero, inclusión social dos colectivos máis vulnerables, redución das desigualdades ou mellora da sustentabilidade ambiental, entre outras.

Para rematar, que liñas estratéxicas definirán RSE Xunta de Galicia en 2017?

O futuro da RSE en Galicia pasa por conseguir o maior número de empresas comprometidas con esta forma de xestión empresarial. 

Para iso poñeremos en marcha todos os mecanismos que estean ao noso alcance e que formarán parte da Estratexia de RSE 2016-2020, un acordo marco sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes que promoverá na negociación colectiva a inclusión de medidas de RSE, igualdade e conciliación. 

Esta é unha liña estratéxica que volveremos a incentivar en 2017. Tamén será o ano da materialización do programa Responsabilízate. En definitiva, no vindeiro ano seguiremos concienciando as empresas e a sociedade de que a RSE é un valor engadido.