Imprimir esta página

O programa de voluntariado ambiental da Xunta promove a responsabilidade e a inclusión

16 Xullo 2015 |

(0 votos)

A Xunta de Galicia comezou o pasado mes de maio o programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas 2015. Durante xullo e agosto esta iniciativa intensifícase e, ata o mes de setembro, nela participarán uns 250 voluntarios e voluntarias maiores de 16 anos realizando accións nas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Este programa implica unha dobre responsabilidade. Por unha parte, a da administración pública, de quen xorde a iniciativa para implicar a sociedade dun xeito activo na conservación do medio. Por outra, aquela que demostran todos os participantes quen, de forma voluntaria e sen ánimo de lucro, contribúen ao coidado e recuperación da nosa biodiversidade.

As accións que realizarán nas illas Atlánticas céntranse especialmente na colaboración cos técnicos do propio parque nacional en tarefas de oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade. Os participantes axudan na erradicación de especies invasoras, na adecuación de sinais indicativos e na limpeza de praias, así como na información e sensibilización ambiental.

voluntariado ambiental salvora

Inclusión social

Outra das accións que os voluntarios e voluntaria levan a cabo nas illas Cíes é o acompañamento e guía das persoas con diversidade funcional que visiten o lugar. Pero a implicación deste colectivo vai máis aló. Así, son moitas as asociacións de persoas con discapacidade que participan neste programa de voluntariado. Unha delas é Amicos (Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual), de Ribeira. O 2 de xullo, quince dos seus integrantes participaron nunha xornada na illa de Sálvora, á que volverán outras dúas veces ao longo do verán. Pilar Sampedro cóntanos que "é unha actividade que lles gusta, pois séntense útiles e que están achegando algo, independentemente das súas capacidades".

A meta da iniciativa é a inclusión social. "Esta ten dúas vertentes. Dunha banda, ao colaborar nela a sociedade ve o que facemos. Doutra, os nosos participantes séntense igual ca os demais", explica Pilar. Esta engade que "valoro positivamente esta acción da Xunta, pois aos membros da asociación permítelles explorar a nosa paisaxe, saír do cotiá, poñer en práctica o que facemos nós na teoría como, por exemplo, o fomento da reciclaxe... En definitiva, é enriquecedor contribuír a unha boa causa".

En Amicos apostan pola educación ambiental no seu traballo diario, filosofía que reafirman coa súa participación neste voluntariado. Nesta liña, Pilar Sampedro di que "para facer RSC hai que educar".

Acción de verán 2015

Ademais do voluntariado ambiental, na campaña de verán, organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, tamén se inclúen os campamentos, que ofrecen “un recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel”, destacou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro. Este verán naceu IMPLÍCA-T, con campamentos para mozos e mozas entre 14 e 17 anos. Neles, a través da educación non formal que proporcionan o voluntariado e a participación, adquirirán e desenvolverán valores como o compromiso, a responsabilidade, a iniciativa ou o traballo en equipo.

Por último, organízanse os campos de traballo para maiores de idade, que supoñen tamén unha experiencia de mobilidade e voluntariado. Actividades ambientais, etnográficas e sociais, así como o fomento do emprendemento son clave nestas convivencias.

O prazo de inscrición para os campamentos xa está pechado. En canto ao voluntariado ambiental está aberto o prazo en Aldea Salgueiros e Macizo Central (Ourense) e Curtis e Boqueixón (A Coruña). Máis tarde, abrirase para Muíños (Ourense) e Ribeira (A Coruña). Podes atopar toda a información en www.voluntariadogalego.org.