Imprimir esta página

A igualdade de oportunidades

30 Xaneiro 2013 |

(0 votos)

A igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é outro dos principios básicos que deben estar implantados en todas as empresas, fagan ou non políticas de Responsabilidade Social Empresarial.

Neste ámbito, hai que sobresaír os dous tipos de discriminación existentes:

  • Horizontal: aqueles oficios e sectores nos que as mulleres difícilmente teñen presenza, pois socialmente ditas tarefas están asociadas ós homes.
  • Vertical: é aquela que se produce cando as mulleres escasean nos postos directivos.

En Galicia aínda existen moitas empresas nas que hai discriminación, tanto horizontal coma vertical, pese a que na última década, as institucións avanzaron ate un camiño de difícil retorno, no que cada vez a muller ten máis presenza.

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social está moi involucrada neste ámbito, o pasado mes de maio aprobaba unha orde co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas ó fomento e implantación de plans de igualdade, que eliminen a baixa representación feminina nas empresas galegas, e aseguren o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

As medidas non quedan ahí. Dende hai un par de anos, a Consellería de Traballo e Benestar outorga a Marca Galega de Excelencia en Igualdade, co obxectivo de recoñecer a aquelas empresas que destaquen na aplicación de políticas de igualdade. Un destes exemplos é a Consultora de Ingeniería de Empresa (CIESA), que recibiu o galardón no ano 2011, coma entidade referente e exemplo de boas prácticas de Responsabilidade Social Empresarial en canto á igualdade.

Non é a única empresa en Galicia con boas prácticas. O centro de PSA Peugeot Citroën de Vigo é pioneiro en políticas de igualdade. Estas convertéronse nun dos eixos centrais da política da fábrica, que se enmarca dentro do plan “Desenrolo Responsable”. Ademáis, conformaron unha Comisión de Igualdade, para xestionar as liñas de actuación e elaborar futuras políticas. Grazas a isto, recibiron a Certificación Europea de Igualdade Profesional.

Non é necesario ser unha gran empresa para aplicar políticas de igualdade, nunha pequena ou mediana empresa é moi sinxelo levalas a cabo e, a longo prazo, moi positivo para a motivación e a productividade. Estes son algúns exemplos de como podes facelo:

  • Apoia ás traballadoras que estén embarazadas ou en periodo de lactación, de maneira que quedar encinta non supoña un problema laboral, senón que a empresa coopere ó máximo, axudando á traballadora para que concilie a súa vida persoal e laboral
  • Protexer con especial coidado a aquelas mulleres vítimas da violencia de xénero
  • Elimina o teito de cristal que impide ás mulleres acceder a postos directivos dentro das empresas. Esquece a noción de que os directivos son sempre homes
  • Cando teñas que elixir a un novo empregado ou empregada, todos os candidatos e candidatas teñen que ter as mesmas oportunidades, sexan homes ou mulleres
  • Tenta implicar ós traballadores e traballadoras para que eliminen todo prexuízo sobre as mulleres. Son intolerables os comentarios machistas e a linguaxe sexista
  • Garante que haxa unha igualdade salarial. Ante o mesmo posto de traballo e as mesmas funcións, unha persoa debe cobrar o mesmo, independentemente do xénero
  • Toma medidas de conciliación familiar para que tanto homes como mulleres podan compaxinar casa e traballo. Non debes dar por feito que sempre será a muller quen vaia co neno ou co avó ó médico