Axenda
Do 13 ao 17 de decembro celébrase o IV Encontro de Emprendedoras do Programa Emega, que ten como obxectivo reunir a varias edicións de mulleres beneficiarias das axudas do programa e que emprenderon en diferentes sectores, creando tecido empresarial galego, inspirando a outras e liderando empresas que se están consolidando no tempo.
Este programa ten como finalidade promover o espírito emprendedor e a actividade empresarial das mulleres e vén desenvolvéndose con moito éxito para dar apoio económico ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.
O encontro inclúe sesións de formación para emprendedoras entre o luns 13 e o xoves 16 de decembro na Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP), con mesas redondas, sesións de conversa e unha feira expositiva de emprendedoras EMEGA que tamén poderá seguirse en liña.
O día 17, celebrarase un encontro presencial, que contará coa presenza da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza e o reitor da USC, Antonio López Díaz no seu acto de apertura. A clausura, ás 14.00 horas, contará coa participación da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo.
Podes consultar aquí o programa completo.
Inscríbete cubrindo o formulario que atoparás nesta ligazón.